As consultas que nos envíes ao CIM pódes envialas de dúas maneiras:
Anónima: a consulta responderíase de maneira anónima e xeral no apartado de preguntas máis frecuentes.
Personalizada: son as consultas nas que se facilita algún medio para respostar de maneira individual e personalizada e só a quen fai a cuestión; por exemplo, un correo electrónico, un número de teléfono, etc.
Lémbranlle aos veciños e veciñas que se trata dun servizo mancomunado, gratuito e no que se respecta o anonimato da usuaria
Máis de medio cento de veciños e veciñas de Oroso participaron na noite do 25 de novembro nunha charla informativa sobre violencia de xénero e recursos existentes para combatila na comarca ordense ofrecida polo persoal do Centro de Información á Muller (CIM) da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes. Unha xornada celebrada no centro cultural Fernando Casas e Novoa de Sigüeiro e que foi presidida polo alcalde orosán, Manuel Mirás, e conducida pola concelleira da Muller, Mari Carmen Liste, que foi dando paso ás distintas ponentes do CIM.
Mirás Franqueira fixo un chamamento ás mulleres vítimas de violencia para que denuncien. "A violencia de xénero está aí. Moitos sabemos de casos e escoitamos cousas. Incluso teño escoitado a autoridades presumir de que nos seus concellos non hai violencia de xénero, pero o certo é que a violencia está oculta. E hai que facer actos como este e traballar día a día dende os Servizos Sociais e cos bos especialistas do CIM para que isto aflore e poidamos acabar coa violencia", apuntou o alcalde orosán, quen pedíu ás mulleres "que nunca teñan vergoña á hora de denunciar".
Pola súa banda, a concelleira da Muller, Mari Carmen Liste, fixo especial fincapé na importancia de realizar accións educativas e preventivas. "A concienciación contra a violencia de xénero está nos nenos, primeiro na casa e despois no colexio", sinalou Mari Carmen Liste.
Durante algo máis de hora e media, Nazaret González, directora do CIM da Mancomunidade de Ordes; Dolores García, psicóloga do CIM; María José Liste, asesora xurídica; e Lorena Iglesias, axente de igualdade; detallaron os servizos que ofrece o CIM: información xurídica, atención psicolóxica e información sobre os recursos existentes na zona en materia de conciliación familiar, axudas para vítimas de xénero, formación, actividades de tempo libre, etc. Lorena Iglesias comezou falando sobre a orixe da conmemoración do 25 de novembro como Día contra a Violencia de Xénero, explicando que se trata dunha homenaxe ás irmás Patria, Minerva e María Teresa Mirabal, que foron brutalmente asasinada os 25 de novembro de 1960 na República Dominicana por loitar pola liberdade política no seu país. Ademais, sinalou que "en contra do que moitos pensan, o maior número de vítimas son mulleres españolas, non estranxeiras. Hai que loitar contra os estereotipos, pois as cifras amosan que o maltratador é maioritariamente un home español, non un estranxeiro".
Pola súa banda, Dolores García falou dos aspectos psicolóxico da violencia de xénero "que fan que a muller estea asustada, se sinta máis dependente, que chegue incluso a pensar que merece o que lle pasa, o que fai que perda toda a súa autoestima e reforza o poder do maltratador". Ademais, explicou que esta situación mantense en moitas ocasións, "por un círculo que o maltratador pon en marcha para conservar o seu poder, de xeito que cando advirte demasiada tensión pasa a unha fase de lúa de mel para encauzar as cousas e seguir tendo o control da situación".
A asesora xurídica do CIM da Mancomunidade de Ordes, María José Liste, tomou a palabra para detallar non só a lexislación vixente nesta materia, senón para indicar que no CIM se ofrece ás usuarias información e asesoramento sobre separación, divorcio, impago de pensións de alimentos, vivenda, custodia, malos tratos, réximes matrimoniais, prestacións sociais...
Uns puntos que desenvolveu a directora do CIM, Nazaret González, na última ponencia. Nela explicou que neste ano xa se rexistraron 54 mortes por causa da violencia de xénero e, no caso da comarca de Ordes, durante o ano 2010 se realizaron 18 denuncias, identificáronse un total de 16 vítimas de violencia de xénero e se solicitaron 19 ordes de protección, segundo os datos manexados pola Delegación do Goberno. De feito, o incremento rexistrado no número de denuncias fai pensar máis nun incremento da concienciación da xente, máis que nun aumento dos casos de violencia de xénero.
Nazaret González explicou que o CIM é "un recurso mancomunado, que actúa nos sete concellos da comarca de Ordes" e que "aínda que ás veces se nos encasilla na violencia de xénero, facemos máis cousas". Ademais, lembrou que "os servizos que prestamos son gratuitos, tanto información, como asesoría xurídica ou psicolóxica" e que "temos un gran respecto ao anonimato e respectamos a vontade das usuarias".
Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller
Concello de Ordes
Rúa Alfonso Senra, nº108
Atención ao público:
De luns a venres de 08:00 a 15:00
Asesoramento Xurídico:
Luns de 15:30 a 21:30
Asesoramento Psicolóxico:
De luns e venres con previa cita
Teléfonos:
981 682108 / 981 680002
981 680157 (Ext. 214)
Fax
981 682108
E-mail
cim@ordes.dicoruna.es