As consultas que nos envíes ao CIM pódes envialas de dúas maneiras:
Anónima: a consulta responderíase de maneira anónima e xeral no apartado de preguntas máis frecuentes.
Personalizada: son as consultas nas que se facilita algún medio para respostar de maneira individual e personalizada e só a quen fai a cuestión; por exemplo, un correo electrónico, un número de teléfono, etc.
A Mancomunidade facilita o intercambio de información entre o CIM e as forzas e corpos de seguridade da comarca
O Centro de Información á Muller (CIM) da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes ten programadas unha serie de accións para conmemorar o día 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Unhas accións que se realizarán dun xeito común nos sete municipios da comarca ordense: Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Oroso, Tordoia e Trazo. A primeira iniciativa xa foi aprobada polo Pleno da Mancomunidade de Ordes: a creación en cada municipio da comarca dunha Mesa Técnica de Seguemento dos Casos de Violencia de Xénero, que estarán coordinadas polo CIM da Mancomunidade de Ordes. Estas mesas constituiranse dentro das Xuntas Locais de Seguridade (nos concellos que dispoñen de Policía Local) e nas Comisións Informativas de Seguridade dos respectivos municipios.
Con esta medida, a Mancomunidade de Ordes facilitará enormemente o intercambio de información entre o CIM e as distintas forzas e corpos de seguridade que actúan na comarca, o que redundará nun mellor servizo ás vítimas de violencia de xénero. Esta medida implicará a posta en marcha das Xuntas Locais de Seguridade nos concellos de Oroso e Tordoia (xa que Ordes e Cerceda xa as teñen operativas), así como daquelas Comisións Informativas de Seguridade que aínda non existan nos resto dos municipios.
As funcións destas mesas son: analizar a incidencia da violencia de xénero na localidade, detectar aqueles elementos que provocan disfuncións importantes na atención ás víctimas de violencia de xénero, avaliar a efectividade das intervencións, detectar aqueles casos que se detiveron no percorrido asistencial (así como as posibles causas) e elaborar estratexias para a continuidade da atención. Tamén se encargan de realizar propostas de actuación conxunta entre os servicios implicados para a consecución dos obxectivos, fixar documentalmente (a través dun mapa de utilización dos recursos) os criterios básicos de coordinación entre todas as institucións en aras dunha total eficacia na actuación conxunta e aprobar as propostas ou plans de actuación.
Dar a coñecer o CIM na comarca
Ademais, todos os alcaldes acordaron a realización dunha campaña informativa para dar a coñecer as accións de toda a comarca na loita contra a violencia de xénero e, en particular, informar dos servizos do CIM en todos os concellos. As primeiras destas xornadas informativas sobre a violencia de xénero e o labor do CIM están previstas en Frades e Oroso este venres 25 de novembro e despois continarán no resto de concellos.
Así mesmo, o CIM vai realizar distintas accións para facilitar o acceso das mulleres maltratadas a este servizo. Para iso está a actualizar a páxina web www.ordessenviolencia.org ao ámbito comarcal. Unha plataforma que está a ser actualizada para que serva de instrumento de loita contra a violencia de xénero en todos os municipios, pois non só informa á vítima dos seus dereitos e axudas dispoñibles, senón que mesmo permite o contacto (anónimo ou personalizado) co persoal do CIM sen ter que desprazarse en persoa ás instalacións do Centro de Información á Muller.
Pero, ademais, o CIM vai asinar un convenio de colaboración coa Xunta de Galicia para prestar un servizo de traducción na atención telefónica ás mulleres estranxeiras vítimas. Unha medida moi significativa tendo en conta o gran número de mulleres inmigrantes rexistrado na comarca de Ordes e que romperá a primeira barreira na comunicación con estas persoas: a lingüística.
Outras medidas postas en marcha
Así mesmo, a Mancomunidade de Ordes aheríuse á campaña institucional da Xunta para o 25 de novembro, adaptándoa para que inclúa información sobre os servizos que se prestan na comarca en relación coa violencia de xénero. Unha campaña que se está a difundir nestes días nos medios de comunicación dos municipios a través de: cuñas radiofónicas (en Radio Ordes e Radio Cerceda), anuncios televisivos (TV de Cerceda) e na páxina web da Mancomunidade de Ordes.
Por último, a Mancomunidade de Ordes, a través do CIM, está nestes momentos traballando noutras iniciativas a prol da igualdade e na loita contra a violencia de xénero que verán a luz en próximas datas. Entre elas figura a elaboración dun protocolo comarcal de coordinación para casos de violencia de xénero, a elaboración dun Plan de Igualdade comarcal (que inclúa unha área específica sobre violencia) e unha campaña para a formación do profesorado da comarca en violencia de xénero (medoda integrada no III Plan Director para a convivencia e mellora da seguridade escolar, creado polo Ministerio de Interior).
Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller
Concello de Ordes
Rúa Alfonso Senra, nº108
Atención ao público:
De luns a venres de 08:00 a 15:00
Asesoramento Xurídico:
Luns de 15:30 a 21:30
Asesoramento Psicolóxico:
De luns e venres con previa cita
Teléfonos:
981 682108 / 981 680002
981 680157 (Ext. 214)
Fax
981 682108
E-mail
cim@ordes.dicoruna.es